Críticas persoais sobre as películas e series que vou descubrindo

Portada de Zack and Miri Make a Porno

Zack and Miri Make a Porno (2008)

5/10

Unha comedia romántica entretenida e con corazón, aínda que non alcanza as cotas máis irreverentes ou brillantes do director.

Calendar-empty  27 de setembro de 2025

★5/10 - Unha comedia romántica entretenida e con corazón, aínda que non alcanza as cotas máis irreverentes ou brillantes do director.

Unha comedia con selo Smith, aínda que menos arriscada

Continuando co meu ciclo persoal dedicado a un dos meus directores de cabeceira, o xenial Kevin Smith tocoulle a quenda, seguindo a orde cronolóxica, a Zack and Miri Make a Porno. E, sinceramente, esperaba algo máis dese “punch” característico de Smith, aínda que non podo dicir que non pasara unha boa tarde.

O filme preséntanos un guión que, a primeira vista, pode parecer bastante básico: dous amigos de toda a vida, Zack (Seth Rogen) e Miri (Elizabeth Banks), afogados polas débedas, deciden que a solución máis rápida e aparentemente sinxela para os seus problemas económicos é rodar unha película pornográfica. Como era de agardar en mans de Smith, esta premisa serve de escusa para xuntar un elenco espectacular e cheo de caras coñecidas, moitas delas habituais no seu cinema. Seth Rogen está na súa salsa, aportando ese humor tan seu, mentres que Elizabeth Banks demostra unha vez máis a súa versatilidade e carisma, creando unha química palpábel con Rogen. Non podemos esquecer secundarios de luxo como Craig Robinson, cuxa presenza sempre é un agasallo, Jason Mewes (o noso eterno Jay) nun papel diferente pero recoñecíbel, ou mesmo a aparición de Justin Long. É curioso como Smith sempre consegue atraer talento, mesmo para proxectos que poderían considerarse “menores” dentro da súa filmografía. De feito, un dato interesante é que a idea inicial para o filme xurdiu dun titular falso que Smith leu nun xornal satírico onde se mencionaba que unha parella da zona facía pornografía para pagar o alugueiro.

Fotograma onde se ve de esquerda a dereita a Seth Rogen, Elisabeth Banks, Jeff Anderson, Craig Robinson e Traci Lords rodando detrás dunha cámara caseira

O argumento, como comentaba, quizais é frouxo se o analizamos en profundidade, deixando unha comedia romántica bastante básica na súa estrutura. A evolución da relación entre Zack e Miri é previsíbel, e os obstáculos que atopan no camiño son os que un podería agardar nunha historia destas características. Porén, o filme cumpre a súa función á perfección: entreter. Smith consegue que a historia flúa, que os diálogos teñan chispa (aínda que quizais non tan afiados como noutras ocasións) e que, no fondo, conectemos cos protagonistas e as súas desventuras.

Unha das curiosidades que rodean a produción é a polémica que xerou o seu título e o seu cartel promocional nos Estados Unidos, chegando a ser censurado ou modificado nalgúns estados. Parece mentira que a estas alturas aínda existan eses receos, pero tamén é parte do “encanto” provocador que sempre acompañou a Smith. Outro detalle interesante é que, a pesar do título e da temática, o filme é sorprendentemente tenro e céntrase moito máis na relación de amizade que no propio contido sexual explícito (que, por suposto, hai bastante). De feito, o propio Smith comentou que quería facer unha comedia romántica “doce” baixo unha premisa provocadora. E creo que, en gran medida, si que o consegue.

Quizais non sexa a obra máis memorábel nin a máis transgresora de Kevin Smith, e bótase en falta un pouco máis desa acidez e deses diálogos quilométricos cargados de referencias que tanto nos gustan aos seus seguidores. Non obstante, Zack and Miri Make a Porno é unha película amábel, divertida e que deixa un bo sabor de boca, especialmente se se ve como o que é: unha comedia romántica cun toque diferente, ideal para pasar un tempo agradábel sen demasiadas pretensións. Unha parada simpática neste maratón Smith.

Deixa un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *