Críticas persoais sobre as películas e series que vou descubrindo

Portada de Yoga Hosers

Yoga Hosers (2016)

2/10

Comedia de terror xuvenil que confirma a crise creativa de Smith.

Calendar-empty  18 de outubro de 2025

★2/10 - Comedia de terror xuvenil que confirma a crise creativa de Smith.

Se Tusk xa representaba un tropezón importante na filmografía de Kevin Smith, Yoga Hosers confirma que o director pasou por un momento creativo complicado. Volvemos a Canadá, ao mesmo universo que comezou co filme anterior, e volvemos atoparnos con personaxes que xa coñecemos: desde o inspector Guy LaPointe (Johnny Depp) ata as dependentas da tenda Eh-2-Zed que aparecían brevemente en Tusk. Pero desta vez, son estas últimas as protagonistas dunha historia que pretende ser unha comedia pura.

Harley Quinn Smith (filla do director) repite como Colleen Collette xunto a Lily-Rose Depp (filla de Johnny Deep) no papel de Colleen McKenzie, dúas adolescentes obsesionadas coa práctica do yoga que traballan nunha tenda de ultramarinos. O filme intenta ser unha comedia de terror xuvenil ao estilo dos filmes B dos anos 80, pero o resultado é unha mestura sen cohesión narrativa que non consegue funcionar en ningún dos rexistros que propón.

O argumento, que xira ao redor dunha invasión de salchichas nazis miniaturizadas chamadas “Bratzis”, é completamente absurdo. E non hai nada de malo no absurdo como punto de partida —recordemos que Smith comezou a súa carreira cun filme sobre dous dependentes dunha tenda que falaban de Star Wars—, pero aquí non consegue sacarlle ningún proveito a esa premisa delirante.

O que máis boto en falta son esas conversas profundas sobre a vida cotiá que caracterizaban ao mellor Smith, esas reflexións con frescura que convertían diálogos aparentemente triviais en momentos memorábeis. En Yoga Hosers non hai nada diso. As conversas entre as protagonistas son superficiais e carentes da substancia que esperamos dun director que demostrou saber escribir diálogos naturais e intelectuais ao mesmo tempo.

As pequenas pinceladas que me recordan aos primeiros tempos de Smith —certos momentos na tenda, algunhas referencias á cultura pop— son o único que salva este filme dunha puntuación aínda máis baixa. Hai momentos fugaces onde se entrevé o talento para retratar a vida cotiá dos traballadores de tenda que tanto nos gustou en Clerks, pero son demasiado poucos e están perdidos nunha maraña narrativa sen sentido, quedando como simples referencias a películas pasadas.

Os efectos especiais merecen mención a parte, e non precisamente positiva. Ninguén pide que sexan efectazos de Hollywood, pero o nivel de execución é tan baixo que resulta difícil de ignorar. Os “Bratzis” parecen saídos dun videoxogo dos anos 90, e non no sentido nostálxico e encantador, senón no máis cutre e amateur. Nunha película que xa ten problemas estruturais serios, uns efectos tan pobres só contribúen a afundir máis o resultado final.

O peor de todo é que Yoga Hosers semella unha película feita sen ningún tipo de ambición real. Mentres que Tusk, a pesar dos seus fallos, polo menos tentaba ser algo diferente e arriscado, aquí Smith parece estar facendo tempo, experimentando con material que non está á altura das súas capacidades.

Johnny Depp volve aparecer como Guy LaPointe, e continúa sendo un elemento perturbador que desentoa co resto da película. A súa presencia, que xa era problemática en Tusk, aquí resulta aínda máis forzada e innecesaria.

Yoga Hosers é o tipo de película que che fai apreciar máis os primeiros traballos de Smith. Se Tusk era Smith experimentando fóra da súa zona de confort, Yoga Hosers é Smith perdido sen un rumbo claro. Unha película que confirma que o director precisaba retomar o seu camiño narrativo. Cousa que, como xa quedou claro, conseguiu retomando o seu View Askewniverse.

Deixa un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *