Críticas persoais sobre as películas e series que vou descubrindo

Portada de Tusk

Tusk (2014)

3/10

De thriller prometedor a despropósito surrealista. O absurdo funciona cando ten sentido, aquí simplemente non o ten

Calendar-empty  11 de outubro de 2025

★3/10 - De thriller prometedor a despropósito surrealista. O absurdo funciona cando ten sentido, aquí simplemente non o ten

Entre morsas e despropósitos

Despois de ver Red State, esperaba que Kevin Smith continuase por ese camiño máis serio e adulto e que progresase neste novo estilo. Tusk comeza exactamente así: cunha premisa inquietante que promete unha deriva cara ao terror psicolóxico máis puro. A historia de Wallace Bryton (Justin Long), un podcaster que viaxa a Canadá para facer unha entrevista e acaba atrapado na casa dun home perturbado e obsesionado coas morsas. Ten todos os ingredientes para ser un thriller claustrofóbico memorábel.

E durante os primeiros compases, funciona. Kevin Smith constrúe a tensión con paciencia, aproveitando a interpretación maxistral de Michael Parks como Howard Howe, ese vello mariñeiro cun pasado turbio que esconde segredos terríbeis na súa casa illada. Parks, que xa nos deixara abraiados en Red State, volve demostrar que é capaz de crear personaxes perturbadores cunha naturalidade asombrosa. Cada palabra que sae da súa boca destila unha ameaza sutil pero constante.

O problema é que Smith non consegue manter esa tensión. A medida que avanza a película, o argumento comeza a perder consistencia e déixase levar por situacións que rozan o absurdo sen chegar a encaixar de todo. Parece que o director quixo xogar coa mesma irreverencia e violencia estilizada que caracteriza a Tarantino, e que incluso el menciona noutros filmes, mais non ten nin o pulso nin a habilidade para manexar esas ferramentas narrativas. O resultado é unha película que non sabe moi ben que quere ser.

Todo se desfai por completo coa aparición de Guy LaPointe, o investigador interpretado por Johnny Depp baixo unha caracterización grotesca e completamente desacertada. Este personaxe, que semella saído doutra película totalmente diferente, rompe calquera vestixio de coherencia tonal que puidera quedar. As súas escenas, marcadas por un acento francés exaxerado e unhas manías interpretativas que parecen máis propias dunha parodia, están totalmente desconectadas do resto da narrativa. Ademais, o detalle do ollo torto que aparece e desaparece sen explicación só engade máis confusión a un personaxe xa de por si problemático.

Mentres Michael Parks continúa brillando na súa interpretación —conseguindo que mesmo as situacións máis ridículas manteñan certo peso dramático—, o resto do reparto non está á altura. Justin Long cumpre sen máis como protagonista, e Haley Joel Osment, que acompaña a Wallace na súa aventura podcaster, pasa completamente desapercibido.

Pero o momento no que a película se esboralla definitivamente é cando aparece o famoso disfrace de morsa. Sen entrar en detalles, diremos que o que debería ser o clímax terrorífico da historia convértese nunha situación tan absurda que resulta imposíbel tomala en serio. É aquí onde máis se nota a falta de criterio de Smith para equilibrar o horror co grotesco.

O epílogo remata de afundir unha película que xa andaba a facer augas. A situación surrealista que se nos presenta no final é tan desconectada da realidade que custa crer que se poida chegar a ese punto. É como se Smith decidise que, xa que o resto non funcionaba, mellor era rematar cun final que non tivese sentido ningún.

Unha verdadeira mágoa, porque Tusk tiña todos os elementos para ser unha boa película de terror. A premisa é sólida, Michael Parks está sublime e os primeiros minutos prometen moito. Mais Kevin Smith tropeza polo camiño e non consegue manter a tensión nin a coherencia narrativa.

Parece ser que con esta película Smith quixo comezar a construír un novo universo cinematográfico con personaxes en común —algo que continuará cos seus filmes posteriores—, mais se este é o nivel que vai manter, fixo ben en recuperar o que realmente sabe facer ben. Tusk representa o Smith máis experimental e, desafortunadamente, o menos acertado.

Deixa un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *