Críticas persoais sobre as películas e series que vou descubrindo

Portada de The Bourne Ultimatum

The Bourne Ultimatum (2007)

8/10

O final da triloxía de Bourne chega con máis adrenalina e respostas. Unha viaxe que non dá respiro, atando cabos soltos dun xeito maxistral.

Calendar-empty  15 de novembro de 2025

★8/10 - O final da triloxía de Bourne chega con máis adrenalina e respostas. Unha viaxe que non dá respiro, atando cabos soltos dun xeito maxistral.

O peche do círculo

Chegamos á traca final coa que para min é a derradeira parte desta saga, The Bourne Ultimatum. Despois de como quedaron as cousas na anterior, esta película arranca coma unha continuación lineal e sen pausa. De feito, ás veces dá a sensación de estar vendo un filme dividido en dúas metades, de tan intensa que é a súa progresión e a cantidade de información que manexa. Non é que sexa algo malo, simplemente que o ritmo é tan frenético que case podería ser unha miniserie condensada.

O que me alucina desta entrega é como todo empeza a encaixar. As migas de pan que foron deixando nas dúas primeiras películas aquí convértense nun camiño claro cara á verdade. Bourne está máis preto ca nunca de descubrir a súa identidade e o porqué de todo, e iso nótase na tensión constante da trama. É coma ver unha partida de xadrez onde cada movemento é decisivo e che fai saltar no asento.

Mantense, por suposto, ese estilo de acción realista que tanto me gusta. As persecucións, as pelexas corpo a corpo… todo segue a ser brutalmente efectivo e críbel. Non hai espazo para o inverosímil, e iso fai que cada escena de perigo se sinta real e, polo tanto, máis emocionante. E de novo, Matt Damon clávao. Non só é un mestre da acción, senón que consegue transmitir toda a carga emocional dun personaxe que busca desesperadamente a paz.

The Bourne Ultimatum é, sen dúbida, un peche á altura. Aínda que poida sentirse coma un atracón de información e adrenalina, consegue resolver moitas das preguntas que tiñamos na mente e faino cunha mestría que xa é marca da casa. Se che gustaron as dúas primeiras, esta é un remate practicamente obrigatorio para entender todo o arco de Bourne.

Deixa un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *