Críticas persoais sobre as películas e series que vou descubrindo

Portada de Mallrats

Mallrats (1995)

7/10

Comedia lixeira e entretida que mestura referencias á cultura pop, humor irreverente e personaxes carismáticos, destacando o estilo único de Kevin Smith no View Askewniverse

Calendar-empty  31 de maio de 2025

★7/10 - Comedia lixeira e entretida que mestura referencias á cultura pop, humor irreverente e personaxes carismáticos, destacando o estilo único de Kevin Smith no View Askewniverse

Unha oda ao frikismo dos 90

Despois do inesperado éxito de Clerks (1994), Kevin Smith decidiu dar o salto a unha produción máis ambiciosa con Mallrats. Este filme buscaba ser unha comedia comercial cun orzamento maior e un elenco repleto de caras recoñecíbeis. Foi unha aposta que, aínda que non obtivo o mesmo recoñecemento inicial que a súa predecesora, gañou un status de culto co tempo.

O contexto no que se produciu Mallrats é clave para comprender a súa esencia. Kevin Smith, fanático da cultura pop e dos cómics, logrou reunir un reparto que, visto en retrospectiva, resulta impresionante para unha produción destas características.

Ben Affleck, un actor que estaba comezando a destacar, interpreta ao antagonista Shannon Hamilton. Este papel foi un dos primeiros pasos cara ao estrelato que alcanzou con Good Will Hunting. Jason Lee, recoñecido ata entón como profesional do skate, debutou como actor no papel de Brodie, un personaxe tan carismático que se converteu nunha das figuras máis queridas do View Askewniverse (sen esquecernos do seu posterior papel como Earl en My Name is Earl). Shannen Doherty, entón unha estrela grazas a Beverly Hills, engadiu peso mediático ao proxecto, mentres que Claire Forlani, Jeremy London e Joey Lauren Adams completaban o elenco cunha enerxía fresca e acorde co ton da película.

E como esquecer o cameo de Stan Lee. A icónica figura dos cómics aparece interpretándose a si mesmo, ofrecendo consellos sobre o amor e a vida. A relevancia desta aparición vai máis alá da pantalla, xa que no filme Captain Marvel (2019), ambientado en 1995, vemos a Lee nun autobús lendo o guión de Mallrats, un aceno que delata o impacto cultural deste filme.

Mallrats é un filme moi entretido que non require nada máis que ganas de pasalo ben durante dúas horas. Coa súa dose habitual de referencias á cultura pop, Star Wars e aos cómics, Kevin Smith crea unha comedia lixeira pero cargada de diálogos intelixentes e momentos memorábeis. A súa capacidade para converter conversas aparentemente absurdas en algo cativador é unha das razóns polas que as súas películas son únicas.

En canto á versión estándar e a estendida, a diferenza reside principalmente no contexto do comezo da trama. O por que de iren ao centro comercial. A versión estándar ofrece unha historia máis directa e convincente, mentres que a estendida engade algúns detalles que realmente non aportan demasiado. Por tanto, a versión que chegou aos cines segue sendo a mellor forma de gozar desta obra.

Aínda que Mallrats non acadou o mesmo impacto que Clerks, segue sendo unha peza clave no View Askewniverse. A súa mestura de humor irreverente, personaxes carismáticos e un amor innegábel pola cultura pop converten este filme nunha experiencia que vale a pena revisitar, especialmente para quen aprecie o estilo inconfundíbel de Kevin Smith.

Deixa un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *