
Clerks (1994)
Un retrato humorístico e absurdo da vida cotiá, que redefine o cine independente con paixón e creatividade
24 de maio de 2025
★8/10 - Un retrato humorístico e absurdo da vida cotiá, que redefine o cine independente con paixón e creatividade
Unha obra de culto que redefine o cine independente
Escribir sobre Clerks é un reto porque son un gran fan de Kevin Smith, e todas as súa películas me parecen pequenas grandes obras á súa maneira. Pero este filme, o que iniciou o chamado View Askewniverse, destaca como unha das máis significativas. Clerks é unha historia sobre como sobrevivir á vida mesma, vista a través dos ollos de Dante Hicks, un rapaz atrapado no seu propio conformismo por medo a aventurarse ou arriscarse na súa propia vida.
A rodaxe en branco e negro non é unha decisión artística para darlle máis profundidade ao filme. Foi simplemente unha opción de baixo custo, que reflicte o complicado que foi para Kevin Smith sacar este proxecto adiante. Con tan só 24 anos e sen recursos, Smith decidiu apostar todo o que tiña (e o que non tiña) por esta película. Empeñou a súa colección de cómics, valorada en aproximadamente 27.000 dólares, para financiar a produción, que contou cun orzamento total de 27.575 dólares. A recadación, sorprendentemente, superou os 3 millóns de dólares, un éxito incríbel para unha produción tan modesta (algo que lle garantiu recuperar a súa apreciada colección de cómics). Rodou o filme no Quick Stop, a tenda de ultramarinos que rexentaban os seus pais. Este espazo, ademais de ser o escenario principal, converteuse nunha icona do seu universo cinematográfico.

A trama é sinxela e, ao mesmo tempo, absurda: un día na vida de Dante Hicks atendendo no Quick Stop. Pero o que fai que este filme sexa xenial son os seus diálogos. Totalmente absurdos, pero xeniais, tratan sobre a vida mesma desde un punto de vista humorístico e idiota. As conversas son longas, sen cortes, e abordan temas triviais con tanta paixón que se converten en reflexións profundas. Un exemplo claro é o debate sobre os traballadores autónomos da Estrela da Morte en Star Wars, unha das moitas escenas memorábeis do filme. Estas conversas, aparentemente banais, son unha metáfora das preocupacións e frustacións de toda unha xeración.
Os personaxes son outro dos puntos fortes de Clerks. Dante Hicks, interpretado por Brian O’Halloran, é o centro emocional da historia: un rapaz atrapado entre a responsabilidade e a apatía. Jeff Anderson como Randal Graves é o contrapunto perfecto, cunha actitude irreverente e caótica que fai que cada escena sexa unha delicia. Randal é o caos personificado, e a súa filosofía de vida (ou falta dela) contrasta coa ansiedade constante de Dante.
E, por suposto, Jay e Silent Bob, interpretados por Jason Mewes e o propio Kevin Smith, fan a súa primeira aparición neste filme, marcando o inicio da súa traxectoria como os dous dos personaxes que farán de nexo de unión e máis queridos do View Askewniverse.A súa presenza, aínda que secundaria, engade unha capa de humor e absurdo que complementa perfectamente a trama principal.
Non podemos esquecer que todos os actores deste filme eran amigos de Kevin Smith, persoas sen experiencia previa que fixeron un traballo admirable dadas as circunstancias. O carácter case amateur do reparto é parte do encanto de Clerks. Cada personaxe ten unha forma de ser moi marcada que axuda a construír o humor e a esencia do filme.
Clerks é unha obra que demostra que non fan falta grandes orzamentos nin efectos especiais para contar unha boa historia. Con recursos limitados e unha paixón enorme polo cine, Kevin Smith conseguiu crear unha película que non só o lanzou á fama, senón que marcou o inicio dun universo compartido que a día de hoxe segue tendo unha base de fans incondicionais.