Críticas persoais sobre as películas e series que vou descubrindo

Portada de Jersey Girl

Jersey Girl (2004)

7/10

Un drama familiar sincero, cun Ben Affleck sorprendentemente emotivo e un reparto inesperado que inclúe a Jennifer Lopez e Will Smith.

Calendar-empty  20 de setembro de 2025

★7/10 - Un drama familiar sincero, cun Ben Affleck sorprendentemente emotivo e un reparto inesperado que inclúe a Jennifer Lopez e Will Smith.

Un pai inesperado, un director descoñecido

Un dos puntos fortes da película é o seu elenco. Kevin Smith superouse ao conseguir a participación de Liv Tyler, quen engade presenza e dozura ao filme, e tamén de Jennifer Lopez, que interpreta á nai da nena nun papel breve pero fundamental para o desenvolvemento da historia. Ademais, conta con varios dos seus habituais, como Jason Biggs, e mesmo aparece Will Smith nunha pequena pero simpática escena que funciona como homenaxe ao mundo do espectáculo.

Coñecido polos seus diálogos afiados e irreverentes, Kevin Smith aparca por unha vez o seu View Askewniverse para ofrecernos unha historia moito máis íntima e sentimental. Jersey Girl é un drama familiar que aposta pola emoción máis ca pola comedia (aínda que tampouco falta desta), cun ton que nos sorprendeu aos seus seguidores máis habituais.

Ben Affleck levando a Raquel Castro sobre os hombros

Ben Affleck interpreta a Ollie, un pai que debe enfrontarse á perda e á responsabilidade da paternidade en solitario. O seu traballo emocional é moito máis sólido da agardado, ofrecendo unha interpretación críbel, humana e incluso conmovedora. Pero quen realmente destaca é a pequena Raquel Castro, que con tan só 10 anos, brilla en cada escena e arrasa no seu papel.

Unha historia sinxela, pero efectiva

A historia non inventa nada novo e cae, por momentos, en certos lugares comúns e tópicos do xénero. Un filme que podería ser incluso catalogado na temática de Nadal, non só pola súa mensaxe sobre a importancia da familia e da redención, senón tamén pola atmosfera cálida e sentimental que transmite. A historia de superación persoal e reencontro co que realmente importa encaixa perfectamente co espírito destas datas. Mais grazas ao ritmo, aos diálogos coidados e á conexión entre os protagonistas, o filme consegue manter o interese e emocionar sen caer no melodrama excesivo.

O papel de Liv Tyler como novo interese amoroso está algo desaproveitado, pero funciona como catalizador para o cambio persoal que vive o protagonista. Hai tamén espazo para grandes momentos de humor ben integrados na historia como a audición escolar ou as conversas co seu pai, interpretado por George Carlin.

Conclusión

Unha película humilde pero sincera, que se sente como un desvío persoal na traxectoria de Kevin Smith. Non é revolucionaria, pero transmite moito co pouco que conta. Un filme sobre a perda, a madurez e o amor que nace das pequenas cousas.

Deixa un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *