
Rebel Moon – Part One: A Child of Fire (2023)
Película ambiciosa que apunta alto mais queda a medio camiño. Cun gran argumento lastrado por un guión pobre, esta primeira parte deixa moito por demostrar na súa continuación
8 de febreiro de 2025
★4/10 - Película ambiciosa que apunta alto mais queda a medio camiño. Cun gran argumento lastrado por un guión pobre, esta primeira parte deixa moito por demostrar na súa continuación
Grandes ideas cunha execución irregular
Dirixida por Zack Snyder, Rebel Moon – Part One: A Child of Fire preséntase como unha épica espacial cargada de ambición e potencial.
Concebida inicialmente como un proxecto para formar parte do universo de Star Wars, a película finalmente evolucionou nunha historia independente que busca crear o seu propio universo. Porén, aínda que a premisa é interesante e o mundo que tenta construír é prometedor, a película queda atrapada nun guión inconsistente e decisións técnicas discutíbeis que comprometen a experiencia global.
Un gran argumento lastrado por un guión pobre
A historia central de Rebel Moon ten todas as características dunha gran epopea: un universo rico, conflitos épicos e personaxes con historias intrigantes. Non obstante, o guión non está á altura. As liñas de diálogo e a narrativa en xeral fallan á hora de transmitir a emoción e a profundidade que o argumento merece. É como se as ideas estivesen aí, pero faltase pulilas e desenvolvelas con coherencia.
Un dos aspectos máis cuestionábeis do argumento é o xeito tan sinxelo e apresurado co que se desenvolve o proceso de recrutamento dos heroes. Nunha historia que pretende ser épica, resulta pouco críbel que figuras tan importantes no universo sexan convencidas cunhas poucas palabras e sen un desenvolvemento máis profundo das súas motivacións. Este enfoque apresurado resta peso á narrativa, facendo que algúns momentos clave perdan o impacto que deberían ter nun filme desta escala.
Personaxes con moito potencial infrautilizados
Un dos aspectos que máis destaca é o traballo de contexto para algúns personaxes, que parecen destinados a ter un papel relevante, pero que nesta primeira parte apenas teñen tempo na pantalla. Incluso algún ten apenas uns minutos. A película inviste moito en presentalos e en contarche a súa historia, pero logo deixa ao espectador coa sensación de que foron introducidos só para manter a expectación ata a segunda parte. É frustrante, aínda que deixa aberta a porta para que a continuación compense esta carencia.
Ritmo adecuado, pero non para todos os gustos
Para quen espere acción constante, Rebel Moon pode parecer lenta en certos momentos. Non obstante, o ritmo parece adecuado para a historia que se quere contar, permitindo que o universo se desenvolva e que os elementos máis épicos collan forma.
Zack Snyder e as súas lentes

Un aspecto técnico que chama a atención é o uso das lentes e a fotografía. Zack Snyder aposta por un estilo visual que busca ser distintivo, pero que aquí resulta contraproducente. En momentos clave, partes importantes da escena aparecen borrosas ou deformes, o que distrae e saca ao espectador da inmersión. É unha decisión estilística arriscada que non encaixa ben co ton épico da película.