
Dune (1984)
Unha película visualmente impresionante e cun reparto espectacular. Unha experiencia fascinante para os que somos fans da ciencia ficción
19 de abril de 2025
★8/10 - Unha película visualmente impresionante e cun reparto espectacular. Unha experiencia fascinante para os que somos fans da ciencia ficción

Unha épica visual
Antes de volver ver a nova de Dune, puxen a antiga. A película, dirixida por David Lynch, é unha adaptación ambiciosa da monumental obra de Frank Herbert Destaca por ser visualmente impresionante e por contar cun elenco de primeira liña, pero tamén sofre polas dificultades de adaptar unha historia tan complexa a un formato cinematográfico limitado. A pesar diso, hai que ter en conta que unha adaptación ao cine é iso: unha adaptación. O formato é moi diferente, polo que non se pode esperar fidelidade ao 100%.
Un elenco que sorprende
Un dos aspectos máis destacados da película é o seu elenco, que sorprende tanto pola calidade como polas eleccións inesperadas. Kyle MacLachlan encaixa perfectamente como Paul Atreides, e actuacións como as de Francesca Annis, Patrick Stewart e Max von Sydow danlle moito peso á historia. Ademais, chamoume moito a atención ver a Sting no papel de Feyd-Rautha Harkonnen; a súa presenza na pantalla engade un toque único que non esperaba.
Unha épica visual e un reparto excepcional

Os efectos especiais están moi logrados para a época, conseguindo dar vida ao deserto de Arrakis e á impoñente presenza dos vermes da area. A dirección artística e o deseño de producción fan que o universo de Dune sexa visualmente fascinante.
Unha épica visual e un reparto excepcional
Un primeiro libro que se fai eterno e un final acelerado
A película intenta ser fiel ao primeiro libro dentro da novela Dune, pero o resultado é un ritmo moi desigual. Esta primeira parte, fundamental para establecer o contexto e os personaxes, faise lenta en moitos momentos, mais é comprensíbel que a complexidade do material requirise tempo para desenvolverse.
En contraste co lento desenvolvemento do primeiro libro, as dúas partes finais da novela son tratadas de xeito apresurado. A narrativa parece atropelarse, saltando entre acontecementos importantes sen deixar espazo para que o espectador os procese. Este contraste fai que a película perda equilibrio e deixe a sensación de que o clímax non está á altura da súa preparación.
Cambios innecesarios que complican o argumento
Os cambios feitos respecto ao argumento da novela, lonxe de simplificar a historia, conseguen o contrario: liala. O argumento orixinal era bastante doado de por si, pero aquí as alteracións non fan máis que complicar innecesariamente a narrativa. Esta decisión, ademais de ser frustrante para os que somos fans do libro, fai que algúns momentos importantes perdan coherencia.