Cinefilia

roicou.gal

Deadpool

Deadpool (2016)

Unha aposta diferente e refrescante no mundo dos superheroes, ideal para quen busca algo máis irreverente e divertido

Humor e acción en estado puro, pero con limitacións

Imaxe de Captain America: Civil War onde aparecen case todos os vingadores de Marvel
Imaxe de Batman v Superman onde aparece tamén Wonder Woman

No 2016, Deadpool chegou ás pantallas coma un refacho de aire fresco no xénero de superheroes tan cheo de filmes. Falamos dun momento no que DC estaba estreando Batman v Superman, Suicide Squad e tiña próxima a estrea de de Wonder Woman. Pola súa banda, Marvel estaba coa súa Fase Tres incluíndo a nova de Captain America, Doctor Strange e xa tiña en post-produción as secuelas Guardians of the Galaxy, Spider-Man e Thor. Que momento para os superheroes.

Dirixida por Tim Miller e protagonizada por Ryan Reynolds, a película apostou por un enfoque diferente: humor descarado, acción salvaxe e unha constante ruptura da cuarta parede que fixo que o propio Deadpool nos guiase a través da súa historia. É unha experiencia tan única como o propio personaxe.

Unha fórmula diferente: acción e comedia a partes iguais

A película defínese a si mesma como “unha historia de amor” ao comezo, e mentres é certo que a relación entre Wade Wilson (Deadpool) e Vanessa (Morena Baccarin) é o motor emocional, Deadpool é moito máis. Mestura acción bestial con diálogos cheos de referencias culturais, chistes ácidos e comentarios meta que fan que o espectador se sinta parte do filme. É unha comedia disfrazada de película de acción, e nese terreo, funciona á perfección.

Morena Baccarin: un motivo máis para ver a película

Foto de Morena Baccarin con Deadpool facendo o símbolo do corazón coas mans superposto

Un dos acertos máis grandes do filme é a elección de Morena Baccarin como Vanessa. Non só aporta carisma e presenza ao seu personaxe, senón que equilibra a irreverencia de Wade con momentos emotivos que engaden certa profundidade. É fácil dicir que calquera proxecto no que participe esta actriz merece ser visto e este non é unha excepción.

Efectos especiais e dirección ben aproveitados

Cun orzamento máis limitado en comparación con outros filmes de superheroes, Deadpool consegue sacar o máximo partido aos seus recursos. Os efectos especiais non son espectaculares, pero son efectivos e están ben integrados nas escenas de acción. A dirección de Tim Miller prioriza o ritmo e o dinamismo, asegurándose de que o espectador nunca perda o interese.

O guión: moito humor, pouca historia

Aquí está o maior defecto de Deadpool: o seu argumento. A historia é demasiado básica, sen achegar nada novo, e prioriza o humor e a acción sobre a construción dunha narrativa sólida. Isto deixa unha sensación de superficialidade que pode decepcionar a quen espere algo máis que unha sucesión de chistes e explosións.

Conclusión: para fans do humor irreverente

Deadpool é unha proposta atrevida e diferente que destaca pola súa irreverencia e polo carisma do seu protagonista. Con todo, a súa dependencia excesiva do humor e a falta dun guión máis elaborado fan que quede un pouco curta. É unha película que funciona ben como entretemento lixeiro, pero non vai máis alá.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *