
Clerks II (2006)
Kevin Smith regresa ás súas raíces cunha secuela chea de humor, referencias frikis e unha nova localización que conserva o espírito de Clerks.
28 de xuño de 2025
★6/10 - Kevin Smith regresa ás súas raíces cunha secuela chea de humor, referencias frikis e unha nova localización que conserva o espírito de Clerks.
Un retorno maduro á irreverencia de Kevin Smith
Despois dun filme tan excesivamente friki como Jay and Silent Bob Strike Back, Kevin Smith volve un pouco aos seus comezos cun filme onde todo sucede nun mesmo día e nun mesmo lugar. A fórmula que xa lle funcionara moi ben con Clerks e Mallrats repítese con intelixencia, traendo de volta aos seus mellores amigos nos papeis habituais e engadindo a Rosario Dawson, quen lle aporta un xiro interpretativo moi fresco e natural á historia. O filme ródase nunha nova localización, pero mantén a esencia de Clerks a través dos seus personaxes e do seu ton humorístico.
A película segue chea de referencias culturais, con mencións á disputa entre fans de The Lord of the Rings e Star Wars, nunha época na que esta rivalidade estaba en pleno auxe. O humor é directo e descarado, cun ton irreverente que caracteriza o universo de Kevin Smith.
Hai momentos de baile que non acaban de entenderse ben dentro do contexto do filme, pero que lle engaden ese ton extravagante característico do director. Ademais, volven caras coñecidas a facer pequenos cameos, como Jason Lee e Ben Affleck, o que reforza a idea de que Smith creou unha comunidade cinematográfica propia onde os actores repiten en papeis distintos pero recoñecíbeis.
O filme explora a crise dos 30, a incerteza sobre o futuro e o medo ao cambio, sempre cun ton humorístico. A amizade entre Dante e Randal segue a ser o eixo central da historia, cun desenvolvemento que sorprende nos momentos máis emotivos.
En definitiva, Clerks II mantén o espíritu da orixinal pero con maior madurez nos seus temas, ofrecendo un retorno satisfactorio para os seguidores de Kevin Smith.