
Amsterdam (2022)
Película única que desafía as expectativas do espectador, mesturando comedia absurda, drama e historia. Aínda que non é perfecta, destaca pola súa orixinalidade e as brillantes actuacións de Christian Bale e Margot Robbie. Ideal para quen busque algo diferente e estea disposto a aceptar os seus riscos narrativos
8 de marzo de 2025
★7/10 - Película única que desafía as expectativas do espectador, mesturando comedia absurda, drama e historia. Aínda que non é perfecta, destaca pola súa orixinalidade e as brillantes actuacións de Christian Bale e Margot Robbie. Ideal para quen busque algo diferente e estea disposto a aceptar os seus riscos narrativos
Unha comedia teatral disfrazada de thriller
Amsterdam, dirixida por David O. Russell, preséntase como unha mestura de comedia absurda e thriller histórico, baseada nun feito real ao que se lle engadiu unha trama que explora temas sociais e políticos. É unha película peculiar, que esixe ser vista case coma se fose unha comedia de teatro, onde os diálogos, a música e as situacións extremas parecen deseñados para desorientar e divertir ao espectador a partes iguais.
Un elenco estelar con pouco tempo en pantalla

Un dos principais reclamos da película é, sen dúbida, o seu elenco. Nomes como Christian Bale, Margot Robbie, John David Washington, Chris Rock, Rami Malek, Anya Taylor-Joy, Robert De Niro, Mike Myers, Timothy Olyphant, Zoe Saldaña ou incluso Taylor Swift brillan no cartel. Porén, dá a sensación de que moitos destes actores están moi pouco utilizados. Algúns apenas aparecen uns segundos, desaproveitando o talento dunha das mellores reunións de estrelas dos últimos anos.
Por outra banda, destacan as interpretacións de Christian Bale e Margot Robbie. Bale constrúe un personaxe cativador e único, mentres que Robbie aporta frescura e intensidade á súa actuación, sendo dous dos piares que manteñen a narrativa.
Unha trama que atrapa pero dá voltas
A historia engancha de primeiras, presentando un misterio que promete moito. Pero a medida que avanza, dá voltas e máis voltas, complicándose ata chegar á súa conclusión. Este enfoque, aínda que pode frustrar nalgúns momentos, encaixa coa estrutura de comedia teatral que define o filme.
O feito de poder visualizar a imaxinación dos tres protagonistas coma se se tratase dun flashforward para volver inemdiatamente ao punto inicial e tomar outro camiño é unha decisión arriscada que ás veces confunde. Estas escenas rompen totalmente coa narrativa tradicional e aportan de xeito similar a cando se rompe coa cuarta parede, porque dalgunha maneira estase entrando dentro da cabeza dos protagonistas. A isto hai que sumarlle a voz en off constante de Christian Bale narrando a historia.
Comedia con raíces en feitos reais
O ton cómico da película está reforzado por diálogos absurdos e situacións levadas ao extremo, que recordan o estilo teatral. A música tamén contribúe a crear esta atmosfera de comedia, encaixando á perfección co ton xeral do filme. É sorprendente que, a pesar deste enfoque lixeiro, a historia estea baseada nun feito real, o que lle dá un interese histórico que engade outra capa de complexidade.
Mensaxes sociais relevantes
Chris Rock, fiel ao seu estilo, utiliza o seu personaxe para cargar contra o racismo, engadindo unha dimensión social importante ao filme. Este enfoque encaixa coas intencións da película de reflexionar sobre temas históricos e sociais sen perder o ton desenfadado.