29 de xaneiro de 2025
Estamos perdendo o formato clásico do cine a mans das series?
Nos últimos anos, o panorama audiovisual cambiou drasticamente. As superproducións, que antes eran exclusivas do cine, deron un salto significativo ao mundo das series, creando un novo formato que aínda non sei se me fascina ou me inquieta. Esta nova tendencia trouxo consigo series con presupostos enormes e un nivel de calidade equiparábel ao das mellores películas. Porén, o impacto deste cambio non está exento de debate.
Por un lado, gústame o formato de serie curta, con 8 ou 10 episodios. Este formato permite unha narrativa máis pausada e profunda, dando espazo para o desenvolvemento de personaxes e para tramas que quizais non encaixarían nunha película de 120 minutos. Exemplos recentes como The Last of Us demostran que este formato pode funcionar moi ben. Estas producións conseguen que grandes actores, que antes se reservaban case exclusivamente para o cine, dean o salto ao mundo das series, enriquecendo a experiencia do espectador.
Por outro lado, teño reservas sobre a forma na que estas superproducións se materializan. Moitas destas series parecen ser, en realidade, películas de 8 ou 10 horas disfrazadas de serie. A narrativa que antes se resolvía eficientemente nun filme, agora se estende innecesariamente, enchendo episodios con tramas secundarias que non sempre aportan valor. A duración dunha película clásica, entre 90 e 180 minutos, é unha das súas fortalezas: permite unha experiencia compacta e concentrada que nos mantén enganchados sen distraccións, e que ademais se poden ver dunha soa vez, sen ter que agardar unha semana para o seguinte episodio.
Estes cambios están estreitamente ligados a unha era de transición, onde o formato de serie curta aínda está atopando o seu propio equilibrio. Mentres que algúns proxectos como Chernobyl ou The Queen’s Gambit logran aproveitar perfectamente este formato, outros acaban sendo excesivamente longos e repetitivos, sen unha xustificación narrativa clara para a súa extensión dando lugar a moito metraxe de recheo.
Por suposto que non estou en contra de que o medio evolucione. A min, como espectador, gústame que as historias se conten ben, sexan en formato de serie ou de película. O que me preocupa é que se perdan as cualidades que fan de cada formato algo único. As películas deben seguir sendo historias concisas e memorábeis, mentres que as series poden explorar narrativas máis amplas sen caer na trampa de alongarse simplemente porque se pode ou porque por contrato hai que chegar ao capítulo 10.
Estamos, quizais, asistindo ao nacemento dunha nova era de híbridos entre serie e película. Será que no futuro os dous formatos coexistirán ou acabará un por eclipsar ao outro? Sexa como sexa, o que está claro é que o debate sobre a duración, a calidade e o impacto destas superproducións en serie vai seguir vivo. Polo momento, o mellor que podemos facer é sentarnos no sofá e seguir gozando do mellor que este momento de transición ten para ofrecer.