Críticas persoais sobre as películas e series que vou descubrindo

Calendar-empty  23 de maio de 2025

Ciclo de cine de Kevin Smith

Hoxe dou comezo a unha nova aventura cinéfila: un ciclo adicado a Kevin Smith. A idea é revisitar primeiro os filmes que compoñen o View Askewniverse e logo explorar o resto da súa filmografía en orde de estrea creando unha nova crítica cada sábado ata completar este ciclo. Este proxecto ten para min unha gran carga emocional, porque Kevin Smith é moito máis que un director; é unha das figuras que moldearon a miña paixón polo cine.

Descubrín as a súas películas sendo moi novo, que, aínda sen entendelas completamente, facíanme gracia polos seus chistes inmaduros e absurdos e todas as referencias a Star Wars e outros filmes de culto. Foi despois cando atopei o seu blog My Boring-Ass Life, onde compartía reflexións sobre a industria do cine, a súa experiencia como director e anécdotas que o conectaban co público dun xeito directo e honesto. Aquel blog foi unha xanela ao seu mundo e ao proceso creativo detrás das súas películas.

Kevin Smith, ademais, é un gran amante e profundo entendido do cine. A súa paixón pola narrativa e pola creación audiovisual queda reflectida non só nos seus filmes, senón tamén no seu amplo coñecemento da historia do cine e as referencias culturais que salpican os seus guións. Este respecto polo medio faino un dos directores máis accesíbeis e queridos para os fans do frikismo e da cultura popular. A súa forma de escribir, tan humorística como reflexiva, axudoume a entender mellor o proceso creativo e a importancia dun bo guión. Isto lévame a destacar un dos aspectos máis característicos do seu estilo: moitos dos seus filmes son, en parte, autobiografía contada dunha forma esaxerada e chea de humor. Historias sobre a amizade, o traballo, os soños e as frustracións que transitan entre o absurdo e o profundo.

Smith tamén é o responsábel de dar visibilidade a actores que a día de hoxe son estrelas consolidadas. Un exemplo claro é Ben Affleck, que xunto con Jason Lee apareceu en varias das súas películas. Matt Damon, por exemplo, fixo un pequeno papel nun dos seus filmes antes de que Smith apoiase Good Will Hunting. É sabido que Smith xogou un papel crucial no apoio a esta icónica película, e aínda que non hai confirmación oficial, existe unha teoría que lle atribúe parte do guión. Ademais, non podemos esquecer como conseguiu que figuras como Stan Lee ou Will Smith participasen en cameos inesquecibles nos seus proxectos.

A amizade entre Kevin Smith e Jason Mewes é outro dos elementos que fan especial a súa obra. Xuntos deron vida á icónica parella de Jay e Silent Bob, personaxes que pasaron de ser secundarios a converterse no símbolo do View Askewniverse. Esta amizade, que atravesou altos e baixos persoais, é unha das historias máis conmovedoras asociadas ao director. Ademais, a química que comparten na pantalla reflicte a súa verdadeira conexión fóra dela.

Outro aspecto que me fascina é como inclúe a súa vida persoal nos seus proxectos. Os seus filmes son, en parte, autobiográficos. A súa muller, Jennifer Schwalbach Smith, e a súa filla, Harley Quinn Smith, participaron en varios dos seus filmes, engadindo ese toque persoal ás súa producións e mostrando así que o seu traballo no fondo é unha extensión da súa vida.

Unha viaxe polo View Askewniverse e alén del

Con este ciclo, espero non só redescubrir estas películas, senón tamén conectar de novo coas historias e personaxes que tanto significaron para min ao longo da miña madurez como cinéfilo. O View Askewniverse é moito máis que un conxunto de filmes: é unha ollada á vida, ao frikismo e á amizade. Agardo que esta revisión me dea novas perspectivas sobre o traballo dun dos meus directores favoritos e sobre como a súa paixón polo cine segue sendo unha inspiración. Para quen queira acompañarme nesta viaxe, aquí está a lista de filmes que revisitarei, en orde de estrea:

View Askewniverse:

  1. Clerks (1994)
  2. Mallrats (1995)
  3. Chasing Amy (1997)
  4. Dogma (1999)
  5. Jay and Silent Bob Strike Back (2001)
  6. Clerks II (2006)
  7. Jay and Silent Bob Reboot (2019)
  8. Clerks III (2022)

Outros filmes (só onde Smith sexa director e guionista):

  1. Jersey Girl (2004)
  2. Zack and Miri make a porno (2008)
  3. Red State (2011)
  4. Tusk (2014)
  5. Yoga Hosers (2016)

Cada semana, publicarei unha nova crítica, explorando non só a trama e os personaxes, senón tamén o contexto no que se rodou cada filme e o seu impacto na cultura popular. Se tes algún filme favorito de Kevin Smith ou unha anécdota que queiras compartir, déixame un comentario. Estou seguro de que este ciclo será unha experiencia compartida para todos os fans do cine de Kevin Smith.

2 comentarios

  • Madtyn di:

    @cinefilia Moi interesante. Lembro ver as dúas pelis de Clerks, Chasing Amy, Jay y Bob contraatacan e Dogma durante a miña xuventude.

    Definitivamente Kevin Smith é un director moi interesante que levo moito sen ver e isto sería unha boa excusa pra ver algunha peli pendente.

    • Roi. di:

      @madtyn @cinefilia pois adiante. Sempre é un bo momento para ver a Kevin Smith. Velas en orde é bonito porque se vai apreciando a súa madurez a medida que se avanza no View Askewniverse

Deixa un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *